Sunday 05 de May de 2024

A Coruña acollerá o Congreso PLEA 2020 onde máis de 300 expertos de todo o mundo debaterán sobre arquitectura e urbanismo sustentable


 

O simposio, organizado polo profesor da Universidade, Jorge Rodríguez, terá lugar do 1 ao 3 de setembro e contará coa presenza de referentes internacionais

A Coruña acollerá do 1 ao 3 de setembro o Congreso Plea 2020, onde máis de 300 expertos en arquitectura e urbanismo sustentable debaterán sobre “Cidades post carbón” e figuras de relevancia internacional participarán en sesións plenarias abertas ao público.

A alcadesa, Inés Rey, e o edil de Urbanismo, Juan Manuel Díaz Villloslada, mantiveron esta semana un encontro con Jorge Rodríguez Álvarez, profesor da Universidade e organizador na Coruña do simposio, que lles presentou o programa de actos e actividades que se organizarán neste foro, un dos congresos de arquitectura e sustentabilidade máis importantes do mundo que se celebra por segunda vez nunha cidade española. O Concello mostrou un gran interese no desenvolvemento deste congreso e transmitiu o seu total apoio e facilidades na organización do mesmo.

No simposio, persoas expertas explorarán a interacción entre investigación, tecnoloxía e deseño para definir e planificar cidades futuras. O obxectivo da cita é reunir a deseñadores, académicos, investigadores, estudantes e profesionais na procura de contornas mellores e máis sustentables.

PLEA é unha organización sen fins de lucro que actúa como un foro internacional e interdisciplinario que promove investigacións, conferencias, talleres, asesorías, e exposicións arquitectónicas relacionadas co deseño bioclimático.